Mostrando entradas con la etiqueta libertades. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta libertades. Mostrar todas las entradas

A REFORMA LABORAL, MARIANIÑO, DSK E PIP



Non vou dicir nada orixinal, pois a estas alturas seguramente está todo dito.

Unha fendedura na parede e un neno. Un neno con tempo e ganas. O neno mete a unlla e fura e fura e fura. E se atopa unha espadiña dun playmóbil segue furando, ten tempo, ganas e un novo instrumento de perforación. Ao fin acaba facendo un burato, un bo burato, si señor.

O PSOE deixou a fendedura feita para que Marianiño, ese neno rancoroso, que ten todos os instrumentos ao seu alcance, medios de comunicacións afíns, respaldo da Angela e o marido da Bruni – por certo que experiencia humana máis enriquecedora e paradóxica debe ser pasar dos agarimos de Angela aos de Carla –  furase a pracer. E vaia se furou. Furou ata deixar o destino dos traballadores ao arbitrio do patrón.

Perdas previstas en tres trimestres, despedimento obxectivo. Como poderemos demostrar os traballadores que o empresario non prevé ter pérdidas en tres trimestres, e mais nestes tempos? Permitirán que os sindicatos poidamos manter un contable a carón do seu contable para que prevexa ben?

Deixámoslles a fendedura feita e a día de hoxe aínda seguimos a labazadas entre nós, debatendo moito máis sobre persoas que sobre proxectos de transformación da sociedade.

Somos uns fracasados. Imos deixarlles aos nosos fillos unha sociedade peor da que recibimos nós. Máis inxusta, con moitas máis diferenzas de riqueza entre uns poucos e os moitos.

E podemos seguir diciendo donde dije digo, digo Diego, (hai algunha compañeira que é unha verdadeira mestra no arte do dijedieguismo) pero con iso non mudaremos a realidade.

A realidade só se poderá cambiar con valentía, confesándonos que nos engaiolaron  cos seus cantos as sereas do gran capital, que nos convertemos en liberalsocialistas de mercedes, hoteis de cinco estrelas e prostitutas de luxo como DSK.

 Se PIP (Pablo Iglesias Posse) colle a DSK por banda, e a outros moitos que temos máis preto, seguro que cunha soa ollada cúspelles na súa cara todo o desprezo de quen naceu no seo da clase obreira e nunca se afastou dela, de quen loitou sempre con honestidade polos intereses dos traballadores.

Loitamos entre nós en congresos polo poder que non temos, é dicir, loitamos polo NON-poder, para poder un día loitar polo poder, que non é outra cousa que unhas migallas de capacidade administrativa que o capital nos deixa. E imos pasando o tempo.

Só con honestidade, valentía, principios sólidos e decisión para aplicalos poderemos volver a aspirar a transformar esta sociedade apodrecida na que nos enfouzamos, ás veces, con verdadeira fruición.

Gerardo  Morano.