Estatuto?

O mércores puidemos ver como o PSdeG, por boca do seu Secretario Xeral, tratou de reintroducir na prioridade da axenda e do debate político a necesidade de reformar o Estatuto de Autonomía para adaptalo ós novos tempos. Esta declaración de intencións faise coincidir coa tradicional celebración do Día Nacional de Galicia a rebufo da controvertida e opaca negociación do novo sistema de financiación autonómica, xunto coa plena actualidade destes asuntos ó respecto dos acordos en materia de infraestructura ferroviaria.

Ata o momento producíronse dúas reaccións a este chamamento, por parte de PPdeG e BNG. Ámbalas dúas eran previsibles debido á coxuntura interna dos partidos, e debuxan a posición que tomarán sobor deste tema nun principio, co inicio do curso político e da actividade parlamentaria, o que fará demasiado improbable un acordo no curto prazo. Falta altura de miras.

Por parte do goberno de Feijóo trasládase o que ven sendo unha constante dende que chegou ó poder: omisión e inhibición absoluta. Nin unha soa palabra. Probablemente porque non cren na necesidade de que Galicia se dote dunha ferramenta actualizada nin puxe por aumentar a súa cota de autogoberno no contexto da reordenación global do sistema autonómico iniciado coa reforma do Estatut catalán, e porque a súa vocación autonomista é máis ben escasa, aínda que se alardee de galeguismo antigalego e harmónico.

Na maioría da dereita española existe un crecente convencimento de que o Estado foi demasiado lonxe no proceso descentralizador e se fai apremiante unha volta atrás, deixando ás autonomías o mero papel de xestores administrativos. Para eles, o pecado orixinal reside na etapa da Transición, e conságrase coa aprobación da Constitución, dende o momento en que a descentralización se plantexa en parámetros políticos. Entrarán no debate cando vexan a posibilidade de presentarse como aqueles que capitanean, posibilitan e garanten o acordo.

Dende o BNG vazquista apóstase decididamente por deixar de lado a imaxe de opción construtiva e recupérase o discurso do non e a desconfianza vitimista. Para eles, o Estatutiño xa está pactado entre os centralistas-españolistas. Estes rebaixarán a condición de nacionalidade e o peso específico de Galiza, nun salto adiante da ofensiva homoxeneizadora e imperialista. Segundo Guillerme Vázquez Galicia non debera corresponsabilizarse co Estado, así como tampouco cre que o AVE chegue ata 2050.

Dá a impresión de que, aínda que sería moi desexable acordar pronto, e entre todos, un texto á altura do resultante da sentenza constitucional no caso catalán faise prematuro traballar aquí con estes mimbres, e este panorama. Ata que escampe.

Millán Fernández
XSG de Santiago de Compostela
PSdG de Castroverde