A LISTA ENCABEZADA POR PABLO ARANGÜENA

Parece, segundo dicía La Opinión de antonte que, “miembros de la Ejecutiva buscan el apoyo de la asamblea local para ejercer de comisionados en en la votación a secretario provincial”. Tamén dicía este xornal que a candidatura promovida por membros da executiva está “sustentada por Mar Barcón”, cousa desmintida categóricamente ó día seguinte no mesmo medio pola compañeira aludida.

Non sei se todo isto é certo ou non. Supoño que os do xornal estarán ben informados… ou non. Se fora certo, a min pareceríame ben… ou non. Confío na palabra da nosa compañeira mais, en calquera caso, creo positivo que en todos os campos desta vida, seica gris e rutinaria, haxa onde escoller. E na nosa agrupación tamén.

Dende logo eu xa escollín.

Eu quero un partido participativo, no que se fale con claridade e non se considere ao que pensa distinto coma un inimigo ao que combater, senón a un compañeiro co que debater.

Quero un partido no que realmente haxa renovación de ideas e de persoas. E hai persoas que non poden encarnar certas ideas. Non pode defender a non acumulación de cargos quen os acumulou, non pode defender que nos cargos orgánicos e públicos debe haber limitación de mandatos quen desempeña cargos públicos e/ou orgánicos consecutivamente desde hai unha chea de anos. Non pode defender estas ideas quen tivo a oportunidade de poñelas en práctica e non o fixo.

Pablo Arangüena e os compañeiros que o acompañarán na súa candidatura nunca desempeñaron ningún cargo orgánico nin público. Entre eles ningún pertence á executiva, nin pertenceu. É unha aposta á marxe deses “juegos de salón o contubernios de despacho”, aos que din que aludía un compañeiro da executiva coruñesa no xornal La Opinión.

A candidatura de Pablo Arangüena loitará contra muíños afoutos, contra xigantes alporizados polos ventos agres que sopran nesta cidade. E sairá adiante ou non, pero nas súas alforxas non leva eivas herdadas de ninguén.


Gerardo Morano