Non vou facer unha defensa do galego como sinal clave do galeguismo, nin repetir argumentos que outros máis capaces ca min espuxeron hai tempo. Tan só quero evidenciar as incongruencias do que a Administración do Partido Popular chama “bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario en Galicia.”
A continuación expoño os puntos clave do devandito texto:
a. “Un terzo das horas semanais se oferte en galego o outro terzo en castelán, e prevese que o terzo restante se poida impartir en lingua(s) estranxeiras(s)” (Art. 4 pto 1)
b. “Das materias Coñecemento do medio natural, social e cultural e Matemática, unha impartirase en galego e outra en castelán segundo a opinión das familias, que será vinculante.” (Art. 4 pto 2)
c. “En Educación Secundaria Obrigatoria, as materias lingüísticas impartiranse na lingua de referencia, e as familias decidirán en que lingua oficial se imparten as materias de Matemáticas e Ciencias Sociais, opinión que será vinculante”. (Art. 4 pto 3)
d .“Será preceptiva a realización dunha consulta ás familias para que cada centro educativo coñeza a súa opinión respecto da lingua de impartición das materias (…)
Unha vez coñecida a opinión das familias, o Consello Escolar de cada centro debaterá e aprobará a asignación lingüística das materias. Este proceso farase cada catro cursos escolares”. (Disposición adicional Primeira)
e. “Na medida en que os centros educativos non dispoñan dos recursos humanos que lles permitan ofertar as horas semanais en lingua(s) estranxeira(s), estas impartiranse en galego ou castelán, esocoitando a opinión das familias e aprobando no Consello Escolar unha asignación lingüística que asegure o máximo equilibrio na distribución de horas semanais nas dúas linguas oficiais” (Disposición Transitoria 1ª)
Observacións e inquedanzas varias:
- No terceiro terzo referido a lingua(s) estranxeira(s) (parágrafo a) cabe calquera língua? É dicir, se cadrase un conxunto de pais francófilos, por exemplo de emigrantes retornados da Francia, poderían solicitar que un terzo das materias se impartise en francés? Ou se fose o caso, en italiano ou brasileiro, ou porteño, que mira que non hai galegos en Buenos Aires? Ou por forza ten que ser o inglés? E que non se especifica.
- O propio decreto admite que pode darse o caso de que non haxa profesorado (parágrafo e) para impartir as clases co voseo característico do porteño, polo que se fará de novo unha consulta aos pais pero de xeito que se asegure o máximo equilibrio lingüístico. Vamos que terían que impartirse a metade das horas en galego, ou o máximo equilibrio non é o 50%?
- Os pais votarán para decidir en que lingua se dan as mates e coñe (ou soci en Secundaria) (parágrafos b e c) e isto farase cada catro cursos escolares (parágrafo d). Problema de mates (e lóxica): se nun curso 9 pais votaron polo castelán para impartir coñe e 8 polo galego e despois os fillos de dous pais que votaron castelán marchan do cole, continúase a impartir a materia en castelán ata finalizar o período dos catro anos, ou pode cambiarse ao seren maioritarios agora os que prefiren galego? Outra dúbida, os pais de xemelgos votan dúas veces os de trillizos tres e así sucesivamente ou tan só votan unha vez?
- Xa que os pais poden escoller a lingua na que se imparte unha materia, ou sexa, xa que poden decidir sobre o proxecto curricular do centro (parágrafos b e c, opinión vinculante) e co fin de avanzar na domocratización do ensino, poderán tamén escoller as materias que van estudar os seus fillos? Considero que sería unha medida eficaz para combater o fracaso escolar, quen mellor que un pai para saber o que se lle dá ben ou mal a un neno?
- Por certo, resulta lóxico que ao impartir coñecemento do medio GALEGO (supoño) ao carballo se lle chame roble e á silveira zarzal? Qué lindo roble, qué lindo zarzal, vos escuchás lo bien que suena?
Corolario:
Todos sabemos que todo isto non é nin lóxico nin posible. Todos sabemos que en moitos centros, especialmente nas cidades, somentes se vai impartir unha materia en galego, probablemente coñecemento do medio, porque as matemáticas non se poden explicar en galego, o cal resulta ridículo, tan ridículo como escoitar a John Wayne en galego, porque de todos é coñecido que John Wayne rodaba as súas películas no perfecto castelán de Valladolid. Pois o mesmo.
Falando en socialista, falando en galego:
Gerardo Morano.
*Imagen: Gloria Lago (Presidenta de "Galicia Bilingüe") e o Presidente da Xunta de Galicia.