POR UNHA TERCEIRA VÍA GALEGUISTA

Nestes días en que andamos a voltas coa posible ruptura do consenso lingüístico vixente durante os últimos 25 anos, pareceume especialmente axeitada a conmemoración da figura de Ramón Piñeiro no pasado día das letras galegas. A vida e as cousas de Piñeiro son realmente interesantes, entre outros motivos, porque ilustran as tribulacións do galeguismo no século pasado. Militante do Partido Galeguista, pasou tres anos de cárcere en Madrid por mor das súas ideas, para instalarse en Santiago en 1949 e constituirse, coa importante axuda de Domingo García Sabell, nunha “loxia unipersoal”, na aguda definición de Manuel Rivas, adicándose á promoción do galeguismo durante os 40 anos que lle quedaban de vida. Neles exerceu influencia sobre unha grande parte do noso espectro cultural e político, sempre tentando escoralo á defensa do que él coidaba que era bo para Galicia.

Nesa longa viaxe estática, arredor da famosa mesa camilla mitificada por Carlos Casares, tivo tempo para rifar cos exiliados galegos, para ser considerado traidor por Méndez Ferrín e o universo do nacionalismo de orientación marxista-leninista (que, entre outras cousas, difundiu que Piñeiro era da CIA) e para participar coma deputado independente nas listas do PSOE no primeiro parlamento galego. A Piñeiro se lle criticou o seu posibilismo e foi acusado practicar un galeguismo cultural e difuso tentando influir en todos os partidos do espectro político galego e desbotando a opción de fomentar un novo e unificado Partido Galeguista. O certo é que seguiu tentando espallar un galeguismo aberto e incluinte ata a súa morte en 1990.

X.L. Barreiro Rivas, no seu ensaio “A terra quere pobo”, gábase ( gustaríame pensar que con certo matiz autocrítico) de ter construido, en contraposición co nacionalismo stricto sensu, o “rexionalismo de oportunidade máis exitoso dos últimos anos”, algo ó que contribuiu, sen dúbida, a actividade de Piñeiro que, entre outras cousas, exerceu a súa influencia sobre X. Fernández Albor. Fraga Iribarne aproveitou con eficacia o barniz de galeguidade que herdou dos anteriores e, en liña coa súa idea da autoidentificación, foi consolidando una especie de galeguismo todoterreo a base de exaltación gastronómica, Luar e lexións de gaiteiros que lle deu moi bos resultados. O fraguismo chegou a apropiarse dos iconos nacionalistas espallando no seu discurso, entre churrasco e empanada, as referencias a Castelao ou a Rosalía. O mesmo Alberto Núñez Feijoo escribía de forma aparentemente admirativa no suplemento de El País do día das letras galegas que “Piñeiro non renuncia nunca á sua ideoloxía galeguista e progresista”....

Mantendo o BNG a exclusiva do nacionalismo esencialista clásico, a oferta das dúas formacións políticas adversarias ten sido bastante clara ata o momento. En cambio, a do PSdG aparece francamente desvaída, algo que moitos analistas políticos coidan que nos perxudica electoralmente. Semella que falamos de galeguismo dun xeito meramente formal, impostado, prevalecendo sempre no fondo a nosa alma xacobina. Niso ten parte, sen dúbida, a influencia antigaleguista exercida durante moitos anos na organización do partido polo actual Embaixador no Vaticano. Por iso, na miña opinión, unha vez perdida a Xunta e con catro anos por diante, é o momento axeitado para preguntarnos se queremos un PSdG realmente galeguista e en qué debería consistir ese galeguismo. O meu entender, a resposta debe ser positiva e basearse en catro puntos:

- a consideración e posta en valor da idiosincrasia galega, perfectamente compatible cunha estricta lealtade constitucional e cunha visión aberta á globalidade, tolerante e incluínte.

- a defensa decidida da cultura galega, sen actitudes excluíntes nin integristas coma a que pode levar a considerar por tal soamente a cultura que se expresa en galego, o que suporía rexeitar o acervo cultural que vai dende Torrente Ballester ata Valle Inclán. A cultura galega desenvólvese tanto en galego coma en castelán, coma reflexo da realidade da sociedade galega fronte á dunha Galicia inventada.

- a aceptación do bilingüismo coma unha avantaxe e non coma un atranco a superar, garantindo en todo momento o respeto, o coñecemento e a difusión das dúas línguas sen esquecer que a língua desvalida e perxudicada históricamente é, sen dúbida, o galego, o que xustifica unha certa discriminación positiva que non debe chocar cos dereitos dos falantes.

- a autonomía de decisión política con respecto ó PSOE, que debería excluir a adopción automática de criterios ou directrices marcados pola organización central sen a necesaria reflexión e confrontación dende a perspectiva galega.

Todo o anterior resúmese en dúas claves que, ó meu xuizo, deberían presidir a actividade política do PSdG: a solidaridade e a identidade. Coido que Ramón Piñeiro estaría dacordo. Por iso aceptou no seu día formar parte das nosas listas e por iso deberíamos aproveitalo e reivindicalo con moita máis forza coma precursor dunha terceira vía galeguista.

Pablo Arangüena