De congresos

Os que militamos nun partido político e/ou nun sindicato sabemos que os congresos son a esencia da democracia interna da organización. Imprescindibles, mais tamén esgotadores. Interminables negociacións, enroques absurdos, principios destrozados, abandonados, olvidados; consensos necesarios. Sempre gaña alguén e sempre alguén sae con feridas máis ou menos fondas.

Para min o mellor dos congresos é a posibilidade de encontrar a persoas moi interesantes e intercambiar opinións con elas e, sobre todo, aprender do que din.

Tiven a sorte de parolar durante uns minutos cun dos sindicalistas máis relevantes de Galicia nos últimos trinta anos; foi un pracer do que tirei algunhas conclusións.

Os socialistas non falamos un idioma socialista e a xente espera que o fagamos. Por exemplo, a palabra igualdade somentes a empregamos na expresión “igualdade de oportunidades”. Pero iso tamén pode dicilo, e faino, un señor de dereitas. Eu teño no meu punto de mira a útopica máxima socialista “de cada un segundo as súas capacidades, a cada un segundo as súas necesidades”. Sei que é imposible, mais non por iso debo esquecela, porque se loito por ela estarei loitando para que diminúan as diferenzas salariais actuais.

Un socialista debe dicir que debe haber un estado forte que garanta o dereito á sanidade é á educación universal é para iso, debe engadir, hai que subir os impostos aos que máis teñen. Que deben eliminarse os impostos indirectos e aumentar os directos. Quen máis recibe da sociedade debe aportar máis á sociedade.

Un socialista debe dicir que a riqueza do capitalismo está a xenerarse coa plusvalía, ou sexa, a parte do valor total da mercancía no que se materializa o plustraballo, ou traballo non retribuído do obreiro. Polo tanto un socialista debe reivindicar que cando se xenera riqueza máis aló do “normal” esa riqueza repercuta nos salarios dos traballadores, que deben obter un incremento proporcional. Se o traballador obtén unha cantidade constante e fixa de medios para o sustento é un escravo non un traballador asalariado. Polo tanto un socialista non pode contentarse con que se incrementen os salarios o que marca o IPC. Porque un socialista debe reivindicar a distribución da riqueza.

Un socialista tamén pode dicir que os sectores estratéxicos da produción deben estar en mans do estado, porque se o estado vale para reflotar a GM tamén debe valer para xestionala. (O estado nortemericano despois de investir 50.000 millóns e facer viable a empresa devolvéraa a aqueles que a fixeron crebar?)

Pero falar socialista é moi incomodo. A coherencia sempre é incómoda, pero normalmente provoca o respecto dos demais. E que chovan pedras.


Gerardo Morano