SOMOS O EXÉRCITO DE PANCHO VILLA

Non o digo eu, porque se o dixera eu na asemblea da nosa agrupación probablemente voaríame algunha silla á cabeza, probablemente sería insultado e probablemente máis de un pediría a miña expulsión do partido.

Quen dixo isto foi o noso secretario Xeral Pachi Vázquez o 6 de xuño nunha entrevista na Opinión. Transcribo as súas palabras: “Teníamos un partido que era el ejército de Pancho Villa, decía lo que quería, hacía lo que se le ocurría. Todo el mundo estaba acostumbrado a mandar mucho y trabajar poco…”

Así, sen poñer nin quitar coma, se expresa o noso secretario xeral o sete de xuño, hai menos dun mes. Tivemos o congreso extraordinario do cal xurdiu o novo secretario xeral e a nova executiva do PSdeG os días 24 e 25 de abril; en dous meses xa se transformou o PSdeG? Non. Calquera que traballa nunha organización do tipo que sexa sabe que os modos, os costumes, os vicios adquiridos non se eliminan dun día para outro. Todos sabemos o que custa cambiar o funcionamento de organizacións que levan anos cun modus operandi moi particular.

Tamén dixo Pachi que “Los socialistas tenemos que participar en las estructuras sociales de Galicia, salir a la calle, y, cuando lo hagamos volverá a haber un gobierno del PSdeG.” Pablo Arangüena, un servidor et alii, dixeron no foro de debate Izquierda 21 e nas asembleas da agrupación socialista da Coruña cousas moi semellantes. Porque pensabamos e pensamos que a mellor propaganda que pode ter un partido é a da participación dos seus militantes na vida social. E fomos duramente criticados.

Se cadra inflúe moito o momento no que se digan as cousas e sobre todo quen as diga, mais considero que a verdade do contido é independente de ambalas dúas circunstancias.

Considero que é labor de todos poñer este partido como unha moto, segundo palabras de Pachi, pero sigo crendo que Pinochet falando de democracia ten menos credibilidade que Salvador Allende. E sigo pensando que a responsabilidade é directamente proporcional á importancia do cargo orgánico que ocupa cada persoa no partido.

Pois ben, como xa dixen, non creo que en dous meses se transformase a dinámica interna do partido (nin da nosa agrupación) polo que conclúo que seguimos sendo o exército de Pancho Villa. E por certos indicios que están na mente de todos creo que na actualidade a agrupación socialista da Coruña responde máis que nunca a este concepto e, entre todos, debemos evitalo.

Gerardo Morano

PD: Congratúlome de que, por fin, a Torre, sexa considerada oficialmente Patrimonio da Humanidade. Creo que é un mérito socialista; especialmente dos dous alcaldes Francisco Vázquez e Javier Losada e do ex–ministro de Cultura César Antonio Molina.