O VOTO EN BRANCO


É altamente prexudicial para a saúde dos políticos. Resulta contraindicado porque manifesta o inequívoco e rotundo descontento dos votantes respecto aos candidatos que se presentan.

Hai quen demoniza a papeleta branca dicindo que é un voto inútil. Discrepo.

É inútil dicir que non nos gusta ningún dos candidatos que se presenta a unha elección determinada, calquera elección, incluso a do secretario provincial do PSdeG? Creo que non.

Os prendidos dalgún dos candidatos teñen todo o dereito a expresalo introducindo unha papeleta co nome del na urna. O mesmo dereito teñen aqueles aos que non lles gusta ningún. Por que van votar a quen non os representa?

Abomino do pragmatismo que nos leva a escoller o que non nos gusta, abomino da falsidade das palabras cando son pronunciadas por persoas que non teñen dereito a pronuncialas.

Calquera pode pronunciar palabras como renovación e participación, calquera, pero o que lles presta autenticidade é a realización e desenvolvemento do seu auténtico significado na traxectoria política de aqueles que as pronuncian.

Cando non é así son falsas. Cando non é así temos todo o dereito do mundo a dicilo. Xa o dixen con palabras na asemblea da nosa agrupación local. Se fose delegado neste congreso provincial diríao enarbolando con orgullo a miña papeleta branca.

Branca, minoritaria, nada pragmática, pero coherente e nunca inútil. Porque a sinceridade e a coherencia nunca son inútiles.

Gerardo Morano