A RAG e o decreto do plurilingüismo

Lamento dúas cousas: unha que non vou ser breve e outra verme obrigado a dicir, que en parte sentinme decepcionado pola análise da Real Academia Galega. Obviamente é un texto completo, ben razoado e de grande valía, mais eu agardaba unha maior fundamentación lingüística, que é o que corresponde, e unha menor argumentación política.

Tratarei de sintetizar as que eu considero aportacións máis apreciables, sendo consciente de que é imposible resumir todo o contido dun texto en verdade amplo.

Empecemos polo principio e máis evidente: para exercer o dereito constitucional de usar unha lingua resulta imprescindible coñecela previamente. Ademais, aínda coñecéndoa, para empregala é necesario carecer de prexuízos respecto a esa lingua e non sufrir ningunha presión social ou ambiental que cohiba a decisión de usala. Pois ben, son bastantes os xoves que non son quen de expresarse con fluidez en galego e bastantes os vellos que non saben escribilo e, aínda que non nos guste admitilo, todavía en moitos ámbitos resulta mal visto e pouco “natural” empregar o galego.

Os poderes públicos están obrigados a removeren os obstáculos que impidan ou dificulten a plenitude dos individuos (Constitución 9.2).

Non creo que ninguén se atreva a poñer en dúbida a marxinación histórica que sufriu o galego durante séculos e aínda hoxe pode comprobarse a desvantaxe do galego respecto ao castelán en moitos ámbitos sociais: televisión, radio, cines, xornais, igrexas, aulas universitarias, publicidade, comercio, banca, informática, xulgados, hospitais, etc. É dicir, o galego está en clara inferioridade respecto ao castelán, é dicir, prodúcese unha asimetría lingüística que só se poderá corrixir a través dun esforzo asimétrico.

A inmersión lingüística non é igual a imposición lingüística, como pretenden facernos crer. Moitas das persoas que se opoñen ao actual decreto non teñen inconveniente en sumerxir aos seus fillos no inglés no UK ou nos USA.

A inmersión lingüística non é outra cousa que un eficaz método de aprendizaxe de linguas, como subliminalmente se recoñece nas Bases ao introducir un 33% das materias en lingua estranxeira.

Os pais non teñen dereito a elixir a lingua do ensino, así o indica o Tribunal Constitucional na sentenza 195/1989. O único ámbito no que a Constitución recoñece aos pais o dereito a intervir na educación é en asuntos relativos á relixion e moral. Polo tanto, a opinión vinculante dos pais é inadmisible por ilegal.

Á parte disto, o feito de que os pais escollan a lingua marcaría aos seus fillos pola lingua, o que resulta antipedagóxico, pois sempre haberá un grupo de perdedores en cada curso e/ou aula.

Estreitamente relacionado con isto está o artigo 7 do decreto actual que trata de asegurar que en contornos castelán falantes, é dicir, en contornos urbanos, o alumnado obteña unha competencia que lle permita comunicarse normalmente co cos seus iguais e co profesorado. Isto ten que ver cun dos grandes obxectivos do Plan Xeral de Normalización: facer visible a lingua ocultada. Ocorre que a desigual oferta que na sociedade se presenta do galego e do castelán provoca que moitos galegofalantes oculten a súa lingua en momentos decisivos, é dicir, a lingua predominante (o galego, por ser a máis falada) convértese, por ocultación, en minoritaria.

Non foron poucos os pais, nin deixarán de selo, os que falándolles aos seus nenos en galego e falándoa entre eles, para evitarlles problemas aos seus fillos e para favorecer a súa promoción social procuren a escolarización dos mesmos en castelán.

Outra cuestión eminentemente antipedagóxica é o feito de que as Bases permiten ao alumno falar e escribir na lingua que crea oportuno. Favorecer que os alumnos usen na aula outra lingua distinta que a usada polo profesor non deixa de resultar unha práctica didáctica estraña e cuestionable. Aínda máis se temos en conta que os pais poden obrigar ao profesor a empregar unha lingua pero o profesor non pode facer o mesmo cos alumnos. Curioso.

Aínda máis curioso resulta que isto só afecte aos módulos impartidos en galego e castelán e non se especifique nada respecto ás linguas estranxeiras, o que parece dar a entender que nas materias explicadas nunha lingua estranxeira o alumno estaría obrigado a empregar esa lingua tanto por oral como por escrito.

E máis, moito máis, di e explica ben explicado a análise que fai a RAG, imposible de resumir aquí. Todo para concluír que “o proxecto gobernamental denominado Bases do decreto do plurilingüismo de ensino non universitario de Galicia é inaceptable pois supón un claro retroceso na protección e promoción do idioma galego…”

Máis claro, imposible.

A sociedade estalle enviando ao goberno do PP inequívocos sinais de que se está equivocando coa súa política lingüística, de que non debeu romper por un puñado de votos o consenso existente respecto á nosa lingua. Espero que os galegos, e aínda máis os socialistas galegos, saibamos defender o que é o maior patrimonio cultural do que dispoñemos: a nosa lingua.

Sempre en socialista, sempre en galego

Gerardo Morano