Os vellos non deben traballar


Senón gozar da última etapa da súa vida. Que é máis longa que antes, pois mellor. Diso se trata. Realmente, compañeiros, vedes a un albanel subido a un andamio con 67 anos? Eu, desde logo, non. Nin a un profesor aturando a meniños de 4 anos ou rapazolos de 15. Nin a un camioneiro ou condutor de autobuses atado ao volante. Claro que, se cadra, verémolos dentro de non moito tempo.


En realidade, como aclarou Cándido Méndez, a idade real de xubilación en España está en 63 anos e 10 meses, é dicir, somos un dos países que ten a idade real máis tardía de xubilación da UE.

Ademais disto cómpre ter en conta algúns datos máis que merecen ser tidos en conta. Segundo a EPA o número de desempregados no último trimestre de do ano aumentou en 203.100 persoas, situándose a taxa de desemprego no 18’8 %. Entre os xoves alcanza o 40%. Podemos deducir, polo tanto, que un dos principais problemas da nosa sociedade reside nas grandes dificultades que teñen os xoves para a súa inserción no mercado laboral. Como consecuencia, a carreira laboral de moitos cidadáns en España é bastante curta, e son moitos os traballadores que chegados os 65 anos non teñen os 35 cotizados para obter o 100% da pensión. A conclusión é obvia: acceder ao mundo laboral antes dos 30 anos resulta difícil, moi difícil.


Realmente, temos un problema na base da pirámide: a sociedade española non é capaz de xerar emprego para os mozos. Ese é o auténtico problema. (E outros que se agachan debaixo da alfombra como unha economía somerxida que supón o 23% do PIB ou a fraude fiscal).

Hai quen argumenta para atrasar a xubilación que bastantes traballadores con cincuenta e pico anos son “prexubilados”. Certo. É unha práctica moi estendida que aplican moitas empresas, e que os sindicatos veñen aceptando con maior o menor entusiasmo e que debería tratar de evitarse, buscando a reinserción laboral deses traballadores. Pero que isto suceda non debe conducirnos á conclusión de que se debe aumentar a idade de xubilación, porque non evitará esta indesexable práctica.

A pesar do dito máis arriba, non me opoño a que se flexibilice a idade de xubilación, en realidade xa existe a posibilidade de que aqueles traballadores que queiran traballar máis alá dos 65 anos poidan facelo en derterminadas condicións conseguindo unha mellora do 2% ou 3% na súa pensión. Probablemente haxa persoas que sexan quen de ofrecer o mellor de si mesmos á sociedade aos 70 anos, sobre todo nalgunhas profesións de carácter intelectual, non llelo impidamos; pero non obriguemos a TODOS a xubilarse aos 67 anos.

Espero, desexo que ao final isto non chegue a término e que como no soneto de Cervantes:

“Y luego, incontinente,
caló el chapeo, requirió la espada, miró al soslayo, fuese, y no hubo nada.”

Sempre socialista, Gerardo Morano.